UTOPÍA, O MÁIS REAL POSIBLE
Estamos a vivir nunha época de racismo e desigualdade con máis medios e desinformación ca nunca, unha división que sempre interesa ao poder. Por iso e dende a orixe, decidimos vivir no continente africano por un tempo indefinido, para ser un máis, aprender, compartir, ensinar, sementar, recoller... traballar en equipo.
Dende fai anos estamos a realizar numerosos traballos en países de 4 continentes e, logo de máis de 15 anos de experiencia realizando proxectos no continente africano, primeiro con proxectos persoais e, posteriormente, coa asociación Causas Comúns, cos seus erros e os seus acertos, aprendemos que a camiñar apréndese camiñando, sen obxectivos finais, porque sempre aparecerán outros novos. É por iso que decidimos poñer a andar este novo proxecto chamado UTOPÍA, que nace da asociación Causas Comúns. Un proxecto de vida, de visualización, formación, prevención e axuda en terreo.
Un proxecto que trata de PERSOAS para PERSOAS, onde se traballará integramente con persoas locais, porque son as que coñecen a súa realidade e das que se pode aprender. Un proxecto o máis real posible, sen promesas, que non pretende instruír nin cambiar, pero si formar e informar, traballar a estima a través das posibilidades reais e, por suposto, xerar e transformar a través dos valores da cultura.